Datos.gob.es arrinca en 2011 para promocionar a apertura da información pública e o desenvolvemento de servizos avanzados baseados en datos. É promovida polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través da Entidade Pública Empresarial Red.es.
A plataforma desenvólvese no marco da Iniciativa Aporta, que xorde como resposta ó marco lexislativo vixente. Articúlase en sete liñas de actuación (véxase a continuación) que teñen o seu reflexo en datos.gob.es. A plataforma preséntase como un punto de encontro entre as administracións, as empresas e a cidadanía que forman parte do ecosistema dos datos en España.
A Iniciativa Aporta, elemento clave da política de datos do Goberno de España, ten como obxectivo principal a harmonización e o aproveitamento eficiente das sinerxías entre os proxectos de datos que xa están en marcha. Búscase o impulso e a coordinación das accións que se desenvolven nos diferentes niveis da administración, o sector privado e o ámbito académico, seguindo un modelo de gobernanza integrador. Todo iso co fin de promover novos produtos e servizos por parte do sector privado e a sociedade civil en beneficio da sociedade.
|
|
Destinatarios
A Iniciativa Aporta e datos.gob.es están dirixidos a todos os axentes do ecosistema dos datos:
- Usuarios, cidadáns ou profesionais que demandan datos e/ou queren coñecer novidades, aplicacións ou servizos relacionados con eles.
- Organismos públicos que proporcionan e utilizan datos públicos, e que queren estar ao tanto de novidades do sector.
- Reutilizadores e infomediarios que precisan fontes de datos para crean produtos e servizos que queren dar a coñecer.
Liñas de actuación
Esta iniciativa desenvólvese ó redor de sete liñas de actuación:
Sensibilización
As accións de sensibilización teñen como obxectivo incentivar a apertura de datos de calidade e fomentar a súa reutilización para o desenvolvemento de servizos avanzados baseados en datos.
Os obxectivos que se perseguen son os seguintes:
- Fomentar a interacción entre os actores do ecosistema de datos abertos, tanto a nivel nacional como internacional.
- Concienciar sobre o valor dos datos públicos e da súa reutilización, especialmente nos sectores onde a innovación baseada en datos é un elemento clave.
- Orientar ós publicadores e reutilizadores nas mellores prácticas para asegurar o éxito das súas actuacións baseadas en datos.
- Identificar e difundir modelos de negocio de empresas reutilizadoras, casos de éxito etc. para favorecer a extrapolación de prácticas exitosas.
- Revalorizar o esforzo que os empregados públicos realizan en poñer ó dispor tódolos datos que se xeran froito da súa actividade.
- Situar a datos.gob.es como líder de referencia na difusión de coñecemento sobre aspectos que teñen que ver coa economía do dato e a reutilización de datos públicos.
Para acadar estes obxectivos, desenvólvense diversas actuacións:
- A través da plataforma datos.gob.es, publícanse noticias de actualidade, novidades sobre a innovación e os datos, proxectos destacados de empresas reutilizadoras, guías de referencia e informes ligados ás novas tendencias/desafíos no mundo dos datos.
- Participación en encontros, conferencias e mesas, tanto organizados polo equipo de datos.gob.es como por outras entidades.
- Organización de sesións de sensibilización e formación, propias ou en colaboración con outras institucións.
- Difusión de novidades e avances nacionais e internacionais ligados a datos, a través dos perfís en redes sociais LinkedIn, X (@datosgob) e Instagram (datosgob).
Análise e estatísticas
O equipo de datos.gob.es realiza un seguimento constante da actividade realizada con datos abertos en España, compartindo información a través de diferentes canles:
- Particípase en cuestionarios e estudos internacionais que ofrecen unha visión global do estado da apertura e reutilización de datos públicos en España.
- O Mapa das iniciativas de datos abertos en España permite consultar as iniciativas activas, as súas características e acceder ós seus respectivos espazos web.
- Mantense actualizado o Catálogo de aplicacións e un Catálogo de empresas; ambos recollen exemplos de solucións e servizos baseados en datos, reflectindo a diversidade e dinamismo do sector.
- En colaboración co Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade de Información (ONTSI) analízanse as empresas que reutilizan información do sector público, xa sexa como actividade principal ou como liña de negocio específica.
Cooperación nacional
A cooperación a nivel nacional é esencial para lograr un maior impacto e cohesión nas políticas de apertura e reutilización de datos públicos. Para iso:
- Trabállase coas Comunidades Autónomas e entidades locais a través de mecanismos establecidos, como conferencias sectoriais e grupos de traballo.
- Créanse grupos de cooperación informais que promoven a reutilización de información pública en función de intereses comúns do sector público e privado.
- Formalízanse acordos bilaterais con entidades clave; os resultados intégranse en datos.gob.es.
- Poténciase a colaboración co sector privado mediante grupos de traballo consultivos, orientados a maximizar o impacto da apertura de datos.
Cooperación internacional
No seu labor de cooperación internacional, o equipo datos.gob.es busca contribuír coa experiencia na definición de políticas e estratexias internacionais. Neste ámbito:
- Particípase en foros como o Public Sector Information Group da Comisión Europea, o grupo do Open Government Data da OCDE, os foros técnicos SEMIC e os grupos de traballo do European Data Portal.
Regulación
A regulación é un piar fundamental para garantir unha apertura eficaz e sostible da información do sector público. Neste sentido, o equipo de datos.gob.es ofrece as súas achegas ás propostas normativas de carácter nacional e internacional dirixidas a facilitar o acceso a datos públicos de calidade, priorizando aqueles de alto valor. Entre outras, aténdese a consultas públicas dirixidas á definición de:
- Normas técnicas ligadas a datos do Esquema Nacional de Interoperabilidade ou ás normas UNE.
- Leis e reais decretos nacionais, especialmente relacionados coa transposición da regulación europea.
- Directivas da Unión Europea.
Catálogo Nacional e soporte
O Catálogo Nacional, integrado en datos.gob.es, constitúe o núcleo da plataforma, e preséntase como:
- Punto único de acceso ós datos abertos que publica a administración pública española.
- Ferramenta de mellora da visibilidade e acceso a catálogos autonómicos e locais, entre outros.
- Canle de comunicación co portal de datos da Unión Europea.
Ademais, ofrécese un servizo continuo de soporte a publicadores e usuarios.
Apoio á innovación
A innovación é un eixe estratéxico para maximizar o impacto da apertura de datos. Datos.gob.es impulsa a creación de contidos e o desenvolvemento de actuacións innovadoras mediante:
- Publicación de contidos no blog de innovación elaborados por expertos de recoñecido prestixio no mundo dos datos.
- Exercicios paso a paso de ciencia de datos baseados nas últimas tendencias.
- Organización de Desafíos Aporta, competicións abertas de ideas e solucións baseadas en datos.